domingo, 19 de junio de 2016

19 de xuño, 12:00h - Manifestación da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas - Ferrol

Dende a Plataforma Comarcal de Ferrolterra da Rede Galega Apoio ás Persoas Refuxiadas chamamos á participación na manifestación convocada para o día 19 de xuño ás 12:00h. A saída terá lugar da Praza de Amada García (fronte o Edificio da Xunta, zona Praza de España), rematando na Praza do Cantón.




Que denunciamos?

A coñecida como crise das persoas refuxiadas é, en realidade, unha crise humanitaria, resultado dunha sucesión de conflitos armados, guerras e inxerencias externas e da ausencia total de responsabilidade por parte dos nosos gobernos, quen responde coa mesma lóxica das concertinas en Melilla ou da violación continúa de dereitos humanos nos CIE. Estamos ante unha crise de humanidade e solidariedade. Unha barbarie.

Mediante o acordo entre a UE e Turquía asínase a expulsión de tódalas persoas chegadas irregularmente ás costas gregas a cambio de traer dende Turquía outras tantas. A expulsión farase sen importar a idade, a nacionalidade, as súas circunstancias persoais ou o motivo que lles obrigou a estas persoas a fuxir do seu país. O acordo é inmoral pero tamén ilegal, a súa aplicación práctica vulnera a normativa europea e internacional. Se non se reverte a situación agravarase e seguirá poñendo en perigo ás persoas, especialmente aos colectivos máis vulnerables, moi especialmente nenos e nenas, mulleres e persoas enfermas ou con diversidade funcional.

Por isto esiximos a súa derogación e a garantía de rutas legais e seguras sen condicións; o cumprimento dos convenios internacionais, directivas e regulamentos europeos en materia de asilo e refuxio; e o respecto dos dereitos humanos nas fronteiras.


Que demandamos?

Ante esta grave situación demandamos ao goberno estatal, á Xunta de Galicia e aos gobernos locais:

  • A ampliación e axilización do sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e en Galicia pendentes de ser atendidas.
  • Aumentar a sensibilidade á hora de dar resposta ás persoas que non poden acceder ao sistema de acollida porque está colapsado.
  • Asumir a súa responsabilidade coma garantes dos dereitos das persoas refuxiadas, poñendo recursos á disposición destas e recuperando os fondos destinados á cooperación ao desenvolvemento e atención á poboación de orixe estranxeira.
  • Revisar profundamente a política migratoria e exterior europea, que dilapida os nosos cartos nunha infraestrutura de vixilancia, disuasión, intimidación e violencia.
  • Que actúen sobre os problemas de orixe: adoptando medidas para loitar conta as desigualdades, reducir a pobreza e previr os conflitos armados nas zonas de orixe.

Quen somos?


A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas fórmase por persoas a título individual, colectivos e organizacións diversas que xuntámonos para sumar forzas e voces que axuden a parar esta barbarie, denunciar e mudar as políticas vergoñentas e loitar pola defensa dunha vida que mereza a pena ser vivida.

A Rede a día de hoxe, conta con plataformas en: A Coruña, A Guarda, Ferrolterra, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. Máis info en: www.rederefuxiadas.org ou @GalRefuxiadas


Que podo facer eu?... Algunhas ideas


Fórmate e informa. Colabora en difundir a realidade que están a vivir as persoas refuxiadas e os motivos desta crise. Podes facer traballo educativo na escola, no tempo libre, na túa casa… pois todas as persoas temos que saber o que está a pasar.

Esixe aos diferentes partidos e administracións que fagan presión para que se atenda e acolla ás persoas refuxiadas e que os teus impostos sirvan para axudalas. Organízate para que se presenten mocións no teu concello e para que a Xunta se posicione.

Infórmate ben sobre as organizacións ás que queres facer doazóns materiais para asegurar que a túa axuda chega a organizacións profesionais, transparentes, con presenza no terreo e capacidades efectivas para prestar unha axuda eficaz. Sempre que sexa posible a axuda debe prestarse aproveitando os recursos locais e rexionais para evitar os custes adicionais (ambientais e financeiros) de facer envíos e para favorecer a economía local e rexional.

Colabora como socia/o, voluntaria/o, activista ou ciberactivista. Apoia campañas de denuncia das actuais políticas migratorias e de asilo; implícate en organizacións especializadas que xa están a traballar en Galicia con persoas refuxiadas ou que agardan ese recoñecemento; ou con calquera organización que traballe en cooperación internacional ou defensa da paz e os dereitos humanos.

Infórmate se está previsto que cheguen persoas refuxiadas ao teu concello. Algúns municipios están a coordinar a acollida con organizacións, e a cidadanía é imprescindible no acompañamento destas persoas.

Fai donativos económicos ás organizacións especializadas que traballan nos países de primeira acollida, de tránsito ou aquí. Moito mellor facerse socia e socio, pois as axudas regulares permiten planificar e organizarse mellor así como xestionar o traballo en función das necesidades detectadas en cada momento.

Recorda: a solidariedade efectiva sempre é de longa duración. As persoas refuxiadas tamén necesitan o noso apoio e a nosa atención cando non son noticia.

Para máis información:

Revisa á web da CGONGD: www.galiciasolidaria.org ou @cgongd
Web da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas: www.rederefuxiadas.org

martes, 14 de junio de 2016

Primeiras informacións sobre o acto do pasado 11 de xuño que celebramos en Ferrol

Como saberedes, o pasado 11 de xuño celebrabamos un acto no Ateneo Ferrolán que servía como peche da Campaña contra os Voos de Deportación, así como para facer a asemblea anual do Foro Galego de Inmigración.


Un acto que pola mañá contou coa presenza de representantes de varios dos colectivos que se adheriron a esta campaña, e que interviñeron para amosar o seu rexeitamento aos voos de deportación.

O acto tivo boa cobertura en prensa, tal e como amosan as seguintes noticias:


Diario de Ferrol - Un acto público en el Cantón cierra la campaña contra las deportaciones
La Voz de Galicia - El Foro Galego de Inmigración celebró en la ciudad su asamblea anual

Noticia da que tamén se fixo eco a web STOP Deportacións no artigo Un acto público en el Cantón cierra la campaña contra las deportaciones

Estamos traballando para publicar todo o material videografico que obtivemos durante a celebración destes actos. Para ir abrindo boca, deixámosvos unha ligazón ao album fotográfico deste evento coas primeiras fotos que nos foron chegando

viernes, 10 de junio de 2016

Sábado 11 de xuño - Acto de peche da Campaña contra os Voos de Deportación, e asemblea anual do Foro Galego de Inmigración en Ferrol

O Foro Galego de Inmigración, contando co apoio do Concello de Ferrol, desenvolve este sabado día 11 de Xuño o seu ENCONTRO/ASEMBLEA ANUAL EN FERROL nos locais do Ateneo Ferrolán cunha ampla participación de representantes das asociacións , entidades e persoas de toda Galiza que conformamos o Foro Galego de Inmigración. .


Nese Encontro terá lugar en primeiro lugar:

Ás 11: 30 h. o Acto Público Final da Campaña, que vimos desenvolvendo con diferentes actividades por toda Galicia dende o mes de Febreiro, CONTRA AS DEPORTACIÓNS, BOICOT A AIR EUROPA E A GLOBALIA., que contará con destacados representantes de diferentes institucións , entidades, partidos políticos, sindicatos, e asociacións, máis de medio centenar que apoíaron formalmente esta Campaña. Entre os que salientamos, Estrela Gómez (AGAMME) Iria Fandiño (Secretariado Xitano), Leticia Castro (Colexio Oficial de Educadores Socias de Galicia ), Alberto Vizoso (CUT), Karlotti, Beatriz Dorrio, Pedro Ferrandiz (representantes do mundo da cultura e da educación), Xabier Ron (Deputado de AGE), Beatriz Sestayo e o propio alcalde Jorge Suárez.. Promovemos esta Campaña a nivel estatal xunto coa Campaña polo Peche dos Cies :CIEs NON co obxectivo de facer visible o drama cotián que sufren as persoas migrantes, veciños e veciñas nosos en situación de irregularidade administrativa, que son detidos nas nosas vilas e cidades, poden ser internados en CIES (Centros de Internamento de Estranxeiros) e que son deportados de forma forzosa e moitas veces violenta , case 10.000 o ano pasado, coa colaboración e o correspondente beneficio económico (12 millóns de Euros no último Concurso ) do grupo empresarial GLOBALIA, que inclue a AIR EUROPA ou HALCÓN VIAXES entre varias outras empresas e marcas moi coñecidas. No Concurso Público Estatal que remata de resolverse para os anos 2016 e 2017, este grupo empresarial obtivo de novo a Concesión, pese a presentar una oferta económica máis elevada. As entidades que apoíaron formalmente a Campaña son, entre outras: S.O.S Racismo Galicia, ONG Viraventos, Ecos do Sur , Mundo sin guerras y sin violencia , Esquerda Unida, Próxecto Cárcere, Patronato Concepción Arenal Alternativa Galega de Esquerda, PsdG/PSOE,Candidatura de Unidade Popular de Chantada, Oficina de Dereitos Socias de Vigo, GAS (Grupo de Axitación Social), Plataforma polo Emprego,Centro Traballo e Cultura de Cáritas de Santiago, CUT, CIG, e Colexio Oficial de Educadores Sociais de Galicia. Ademáis contamos coa sinatura formal de máis dun cento de persoas de moi diferentes ámbitos.

Despois, continuaremos cun Acto Público Reivíndicativo ás 13:00 h na zona do Cantón, no que logo dunha Manifestación polas rúas máis centricas da cidade, para facer visible a realidade da inmigración entre a cidadanía, o Acto contará con actuacións musicais e perfomance teatral e rematará coa Lectura dun Manifesto. Convocamos ao conxunto da cidadanía ferrolán a este Acto para amosar a solidariedade con este colectivo de persoas, conveciñas nosas, que teñen os seus dereitos gravemente recurtados e que mesmo son perseguidas nas nosas vilas e cidades.

Logo dun xantar compartido, pola tarde, no mesmo Ateneo a partir das 16:30h celebraremos a Asemblea Anual do Colectivo aberta a participación de calquera persoa ou colectivo interesada, que analizará o labor desenvolvido, incluíndo a promoción e activa participación na Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas: promovemos, por certo unha Xornada de Mobilizacións nas vilas e cidades de Galicia o domingo 19 de Xuño co lema “Rachemos coas Fronteiras. Non as Guerras” coíncindindo coa celebración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas. A Asemblea marcará tamén ás liñas de traballo futuras para o curso 2016/2017.

viernes, 3 de junio de 2016

Texto e fotografías enviados aos medios sobre o acto do pasado martes 31 de maio en Sargadelos da Rede Galega en Apoio as Persoas Refuxiadas en Ferrolterra

Tal e como anunciaramos nunha invitación que vos fixemos chegar aos medios de comunicación, o martes 31 de xuño tivo lugar na Galería Sargadelos de Ferrol o acto de presentación da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas en Ferrolterra.
 

A Rede foi constituída o pasado 20 de abril a nivel galego, e a ela están adheridos máis de 45 colectivos, asociacións, ONGD, sindicatos, partidos políticos e persoas individuais. O seu obxectivo é denunciar públicamente a inhumana xestión da crise das persoas refuxiadas levada a cabo polas diferentes institucións e gobernos da UE.

Nunha recente reunión que tivo lugar o pasado mércores 25 en Ferrolterra entre entidades xa adscritas a esta rede e outras novas de ámbito local, tomouse a decisión de constituir a Rede en Ferrolterra.


Neste acto de presentación contouse coa presenza de Alberto Ameneiros, veciño da comarca que retornou hai escasos días do campo de Idomeni, en Grecia. Da súa man os asistentes tivemos a ocasión de escoitar de primeira man o relato da situación destas persoas nos campos. Un relato que fala de ONGDs e voluntarios desbordados, de historias de xente que perdeu familia e amigos nos conflictos dos que fuxe, e que ainda así, unha vez vista a situación nos campos chega a plantexarse a posibilidade de regresar ao seu fogar, ainda a costa da súa vida. De abandono por parte das autoridades europeas e gregas. De falta absoluta de control da entrada e saída de xente nos campos, foran refuxiados, xente allea, menores... De traumas de guerra. De falta de información absoluta, tanto para as persoas voluntarias como para as refuxiadas. De desesperación de non poder atender tódalas necesidades da xente dos campos. Pero tamén da solidaridade de voluntarios, moitos xente nova, e de tódolos rincóns de Europa, con ganas de cambiar as cousas, e de persoas amables, educadas, cultas, de tódalas condicións sociais, agradecidas a pesar da súa situación desesperada, e co único desexo de poder desfrutar do dereito a vivir en paz e de seren tratados como seres humanos.


Manifesto da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas: http://www.rederefuxiadas.org/p/manifesto.html