jueves, 26 de enero de 2017

O Seminario Galego de Educación para a Paz concede ao Foro Galego de Inmigración o premio Portapaz 2017

¡Estamos de noraboa! O pasado luns recibimos comunicación do Seminario Galego de Educación para a Paz para informar que acordaran concedernos ao Foro Galego de Inmigración o seu premio anual: o coñecido, e prestixioso, premio PORTAPAZ, que se entrega pola defensa dos valores que se corresponden cunha cultura de Paz.



 O acto de entrega será o vindeiro venres día 27 de xaneiro, ás 19:30h no auditorio da Obra Social ABanca, na Praza de Cervantes, Santiago de Compostela. O premio non ten dotación económica, pero sí un importante valor simbólico.




sábado, 7 de enero de 2017

Asemblea Aberta de Coia - "Quérennos en soidade, téñennos en común", sobre a loita veciñal en Coia e solidariedade con Diego Lores

Tras o acto do pasado 14 de decembro sobre Renda Básica que protagonizou Manolo S. Bayona, da Coordinadora Baladre, no Foro Galego de Inmigración de Ferrolterra tendemos cabos coa xente de Baladre e a Asemblea Aberta de Coia. Dos primeiros froitos desta relación é servir de anfitrións en Ferrol a un acto que están a promover estas dúas organizacións para dar visibilidade aos problemas da veciñanza co Concello de Vigo, e en concreto os sucesos que aconteceron durante a loita veciñal para evitar a custosísima instalación na rotonda de Coia do buque Alfageme. Un acto que terá lugar o vindeiro luns 9 de xaneiro, ás 19:00h, no salón de actos do Ateneo Ferrolán.

A continuación compartimos o texto da convocatoria, e convidámosvos a participar nela:



8 ao 14 de xaneiro
Semana solidaria coa loita na rotonda de Coia – Diego Absolución!

A Asemblea Aberta de Coia e Baladre (Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social) organizamos unha semana de palestras e proxeccións en solidariedade coa loita na rotonda de Coia que leva por título: “Quérennos en soidade, téñennos en común”.

A xira procura sumar apoios a Diego Lores, unha das persoas represaliadas pola loita contra a instalación do barco Bernardo Alfageme nunha rotonda deste barrio vigués. O 17 de xaneiro celebrarase o xuízo. 

Este ciclo de palestras, irán acompañadas da proxección da curta #MoitoPeixeRompeARede que repasa os meses de conflito.

Con estas actividades queremos poñerlle voz e corpo ás mobilizacións veciñais na defensa do ben común, da vida. Coñecer as resistencias das que visualizan a inxustiza existente tras a cidade capitalista. Coñecer as arelas daquelas que pulan por colocar a vida e os dereitos sociais de todas no centro. Reflexionar sobre a solidariedade e o apoio mutuo como ferramentas fronte a represión das que traballan pola xustiza social.

Para tratar estes temas contaremos con persoas que participaron en diferentes loitas para contarnos as súas experiencias e tecer redes na defensa do que é de todas.